O suceso produciuse pouco antes das 17:55 horas deste domingo nunha rúa da vila, á altura do centro social de Froxel, en Oseiro, onde acabou falecido un home de 42 anos (G.S.R.) a pesar dos esforzos do persoal sanitario, despois de recibir un disparo. Desde o 061 ao momento enviaron unha ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado, e non puido facer nada pola súa vida. Mentres que a Garda Civil fíxose cargo da investigación, dun suceso do que se descoñecen polo momento as causas. O 112 Galicia sinalaba que “un particular se atopou co home tirado na estrada, na rúa José Pérez Ballesteros, sen acertar moi ben o que sucedera ata que percibiu que había persoas con armas nos arredores”.
A primeira hipótese das fontes policiais próximas ao homicidio apuntan a un posible axuste de contas. “De golpe saíron unhas persoas encapuchadas dun coche e comezaron un forcexo coa vítima. Ao ter unha complexión forte, este opuxo resistencia, e foi entón cando se produciu o disparo”, explican. Residentes da zona engaden que o falecido era porteiro de discoteca, que acudía regularmente ao ximnasio e que estaba aparentemente ben coidado.
Dous detidos
Dúas persoas foron detidas como supostas autoras deste homicidio, segundo informou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, “os arrestos realizáronse” nas inmediacións. Blanco explicou que “nestes momentos están abertas todas as liñas de investigación” por parte da Garda Civil, que se fixo cargo das pescudas deste suceso, e da que valorou que “a súa resposta foi inmediata”, cando se tivo noticia do ocorrido.
Pouco antes, nun acto a Coruña, a subdelegada do Goberno, María Rivas, explicaba que a investigación continúa aberta e non se descartan novos arrestos, polo que demandaba “deixar traballar a Garda Civil” no caso.