- O Concello valora nuns 1.500 euros os danos provocados
A Policía Local da Laracha abriu unha investigación e solicita a colaboración cidadá para tratar de dar cos responsables do roubo duns 30 metros do valado perimetral da área de recreo canina durante a pasada noite. Os feitos tamén foron denunciados na Garda Civil da localidade.
O Concello valora nuns 1.500 euros os danos provocados nesta infraestrutura pública que desde a súa recente apertura está a rexistrar altas cifras de usuarios. Precisamente para evitar o seu peche temporal o Concello, como medida provisional, instalou un valado de obra que permite o uso do equipamento con «plena garantía de seguridade», sinalan desde a Alcaldía.
Desde o goberno local lamentan profundamente este acto por «perturbar a tranquilidade dos veciños do municipio como polo gasto que suporá a reparación para as arcas municipais».