Investígase como atentado xihadista o ataque con machete de Alxeciras


O xuíz da Audiencia Nacional encargado do ataque en Alxeciras, Joaquín Gadea, considera que Yassine Kanjaa, presunto autor do asasinato do sancristán Diego Valencia e de ferir a outras catro persoas, actuou guiado por unha “vontade terrorista” nun acto que vincula co salafismo xihadista.

Segundo o auto do xuíz, estando a vítima no chan, Kanjaa “suxeitou a catana con ambas as mans e alzando a mirada ao ceo e gritando unhas palabras en árabe entre as que se escoita a palabra “alá” aséstalle unha última estocada mortal” nuns actos que tiñan a “intención de alterar a paz pública mediante a execución de actos de terror”.

O maxistrado sinala que os feitos comezaron sobre as 18.30 horas na igrexa de Santo Isidro, cando o presunto terrorista entrou ao templo con “descoñecidas intencións” pero dicindo que “a única relixión que hai que seguir é o islam”, iniciándose así unha discusión cos presentes.