Investimento de 418.000 € en melloras na estrada entre Portomouro e Santa Comba

1 minutes read

A Xunta e o Concello de Val do Dubra colaborarán na mellora da seguridade viaria da estrada AC-406 entre Portomouro e Santa Comba cun investimento inicial estimado de 418.000 euros, do que a Xunta aporta o 70% e o municipio o 30% restante.

Segundo o convenio asinado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, a actuación consistirá na creación dunha zona de tránsito para os peóns entre os puntos quilométricos 17,1 e 18,6, no lugar de Paramos.

O proxecto inclúe demolicións e movementos de terras para explanación de sendas de 1,8 metros de anchura -medida que se reduce en zonas de vivendas e peches de parcelas- de formigón colorado; canalizacións de pluviais e da rede de alimentación de alumeado público; a reposición do firme na zona da gasolineira e traslado de postes de electricidade, iluminación pública e telefonía.

A obra levarase a cabo ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.