Investimento de 53.000€ no reforzo da seguridade do camiño de Fisterra en Negreira


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou un investimento de 53.000 euros no reforzo da seguridade do Camiño de Fisterra en Negreira, unha das 70 actuacións que se executarán este ano nas vías autonómicas cun investimento de 1,4 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, co xerente da Axencia Turismo de Galicia, Emilio De la Iglesia, achegouse ao municipio coruñés, ata o lugar da Barca, onde se levará a cabo a actuación de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade para favorecer unha mobilidade máis segura para peregrinos e veciños, neste treito paralelo do Camiño de Fisterra coa vía autonómica AC-447.

A conselleira explicou que nese punto, onde existe un cruce con boa visibilidade, pero tamén unha zona onde os peregrinos teñen que camiñar pola beiravía durante un treito de 270 metros, construirase unha pequena senda, de preto de 200 metros, e disporase un cruce sinalizado que favorecerá un tránsito máis cómodo e seguro para os camiñantes. A previsión é que a intervención se execute no mes de setembro.

Sinalou que se trata dunha actuación sinxela, en canto á súa execución e ao investimento, pero dunha enorme importancia en canto á seguridade viaria, facendo así que este treito do Camiño de Fisterra, gañe protagonismo, “ofrecéndolle ao peregrino unha ruta, ademais de máis segura e cómoda, tamén máis acolledora e agradable”, dixo.