Investimento de case 6 M€ para mellorar os centros escolares de Ferrolterra

1 minutes read

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou un investimento de preto de 6M€ para mellorar os centros escolares de Ferrolterra, con 29 actuacións de mellora en centros educativos da comarca este verán, por un importe de medio millón de euros, e ten previstas novas obras nos próximos meses por un importe de máis de 5,2M€.

Durante as súas visitas ao instituto de Catabois e ao novo Centro Integrado de FP Leixa, o titular do departamento educativo da Xunta destacou a rehabilitación integral do primeiro dos centros como unha oportunidade para fortalecer o IES, que acolle o alumnado de Bacharelato do Leixa, tras a conversión en CIFP deste último.

Neste sentido explicou que a reforma do IES de Catabois, xa licitada, suporá un investimento de case 800.000€, no marco dun paquete de 84 actuacións que o Goberno galego está a sacar a licitación antes de fin de ano, e que supoñen un orzamento total de case 40M€. Destas 84 actuacións, varias son na comarca de Ferrolterra, por importe de máis de 5,2 M€, “entre elas a ampliación do CIFP Ferrolterra e as rehabilitacións integrais do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol e do colexio Almirante Juan de Lángara e Huarte”, sinalou o conselleiro.