Investimento de máis de 1,5 M€ en obras no firme de estradas de Xallas e Bergantiños


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polos alcaldes da Baña, de Coristanco, de Santa Comba e de Tordoia, anunciou un investimento autonómico de 1,5 millóns de euros para levar a cabo obras de reforzo do firme nas estradas AC-400, AC-406 e AC-546.

Trátase do reforzo do firme encamiñado a restaurar ou mellorar as características superficiais do pavimentos naqueles treitos que presenten maior grao de deterioro.

Trenor destacou que estas importantes obras, que se licitan, suporán unha maior seguridade e comodidade aos usuarios que circulan por estas vías, moi frecuentadas, especialmente en temporada de verán. Estas obras, ademais, facilitarán a mobilidade aos habitantes dos municipios onde se realizarán as actuacións: Santa Comba, Tordoia, Coristanco, Cerceda, Mazaricos, A Baña e Negreira.  

Os traballos que se van realizar están encamiñados á reparación, rehabilitación e reforzo superficial do firme, adecuándoo ás súas necesidades funcionais e de durabilidade.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou este venres o anuncio da licitación deste contrato, cun investimento de máis de 1,5 millóns. As empresas interesadas na execución das obras teñen ata o vindeiro 15 de xuño para presentar as súas ofertas. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.