O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, recibiu os representantes de videoxogo.gal, a asociación galega de videoxogos e contidos interactivos, aos que lles adiantou un investimento de preto dun millón de euros para o impulso da industria dos videoxogos a través dun paquete específico de accións enfocadas á vertebración e a competitividade deste sector.
A primeira das medidas ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultura da Xunta é a convocatoria dun fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos dotada con 500.000€, que se materializará neste primeiro semestre do ano. A isto engádese tamén a posta en marcha, nas vindeiras semanas, dunha aceleradora empresarial, cunha dotación de 370.000€, así como outras medidas que se irán desenvolvemento proximamente.
As empresas poderán optar a dúas modalidades. A primeira delas dirixirase a proxectos de certa envergadura, cun orzamento superior aos 200.000 euros, nos que a intensidade da axuda poderá chegar ao 25% cun límite máximo de 100.000 euros. A segunda categoría está pensada para propostas cun orzamento máximo de 200.000 euros e un carácter menos comercial, que poderán subvencionarse nun 75% ata un máximo de 50.000 euros. En ambos casos, para a súa concesión valoraranse criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre outros aspectos.
Na reunión, á que tamén asistiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron a presidenta de videoxogo.gal e socia fundadora de Imaxin Software, Luz Castro, así como os representantes de Ilux Tecnologies, ePolygon, Aruma Estudios, O Cable Inglés, Iseltec e Félix Menéndez.