Investimento “histórico” de 2,5 millóns de euros para mellorar o concello de Muxía

2 minutes read
  • Entre as medidas de mellora adoptadas no Pleno destacan a rehabilitación da estrada de Touriñán ou da antiga escola dos Muíños

O alcalde de Muxía, Iago Toba, anunciou no Pleno deste xoves un investimento histórico de máis de 2 millóns e medio de euros para mellorar o municipio, dos cales 636.000 irán destinados á estrada de Touriñán. O plan de intervencións estará dividido en tres bloques principais de accións.

No primeiro termo, e dentro do Plan de Reactivación Económico – Social, destacan as melloras nas estacións depuradoras ou nas infraestruturas no campo de fútbol, a construción dun Centro Social no baixo do mercado, a rehabilitación da antiga escola dos Muíños ou a remodelación da planta baixa do edificio consistorial para a reubicación do Centro de Información á Muller (CIM).

O prazo para finalizar estas obras estímase en seis meses e suporán un investimento de 881.000 euros, un presuposto no que tamén se atopan partidas destinadas á sinalización e ás axudas para a adquisición de material escolar.

En segundo lugar, destacan as intervencións que se atopan en proceso de execución ou adxudicación e que contarán cun presuposto de máis de 420.000 euros, como as melloras en Touriñán e Moreira ou a depuradora de Trasufre.

O terceiro bloque conta con traballos planificados dentro do POS que xa foron aprobados, como a construción dun parque biosaudable para maiores na zona do Coído, a adquisición dun vehículo para Protección Civil ou o proxecto de mellora da contorna do Santuario da Virxe da Barca. En total está contemplada unha partida de 471.697 euros.

O rexedor muxián sinalou que “aínda non se cumpliu un ano desde que tomamos posesión, e este conxunto de medidas é froito do traballo de moitos meses, nos que levamos demostrando que non vimos a ocupar unha silla. Vimos a traballar por e para a veciñanza”.