Invisten 340.165 euros nas obras do polideportivo municipal de Fisterra

1 minutes read

A execución dos traballos consistirán na renovación da cuberta, a estrutura e a fachada do pavillón para garantir a súa estabilidade no futuro e mellorar as súas condicións a fin de incrementar a súa durabilidade.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Fisterra, José Marcote, asinaron o convenio polo que a administración provincial aporta 272.133 euros, o 80% do orzamento total, que ascende a 340.165 euros.

O proxecto contempla o levantamento da cuberta e das fachadas metálicas, a limpeza e a colocación de proteccións da estrutura, o pintado con materiais de protección anticorrosión, a reposición do pavimento e da fábrica demolida, a colocación dunha nova cuberta e fachada metálicas e a instalación de novos canalóns e baixantes de pluviais.

«Con esta achega da Deputación vaise renovar completamente unha infraestrutura moi importante para o Concello de Fisterra, mellorando unhas instalacións moi utilizadas pola veciñanza e facilitando o acceso á práctica deportiva no municipio», destacou o alcalde, José Marcote, que anunciou que axilizarán a licitación das obras para acometelas no menor tempo posible.