Irán admite que derribou o avión de pasaxeiros ucraíno ao confundilo cun mísil

1 minutes read

Nunha comparecencia televisada, o comandante da Forza Aeroespacial da Garda Revolucionaria de Irán asumiu a responsabilidade deste corpo de elite na caída do avión. Explicou que un operario do sistema de defensa confundiu o aparello cun mísil de cruceiro. Dixo que antes de disparar tratou de contactar cos seus mandos pero que a comunicación fallou e que tomou unha mala decisión.
A comparecencia produciuse horas despois de que as forzas armadas admitiran nun comunicado, tras días negándoo, o derribo de forma involuntaria e por un erro humano, que contextualizaron na situación de crise cos Estados Unidos.
Segundo aseguraron, o aparello situouse preto dun centro militar cunha altura e unha posición de voo dun obxectivo inimigo.

O presidente e o ministro de Exteriores iranianos tamén fixeron fincapé en que a tensión con Washington propiciou a traxedia.
Con todo, o líder supremo de Irán ordenou ás forzas armadas investigar as irregularidades e neglixencias que poida haber detrás do sucedido, e o presidente do país urxiu a revisar os sistemas de defensa e asegurou que xulgarán os responsables.

Precisamente, o presidente de Ucraína, de onde era o avión e cara a onde se dirixía, reclamou o recoñecemento pleno de culpabilidade por parte de Irán, que se leve os responsables ante a xustiza e indemnizacións.

O avión caeu o mércores ao pouco de engalar do aeroporto de Teherán con destino a Kiev. Morreron os seus 176 ocupantes, entre os que había, ademais de iranianos e ucraínos, 57 canadenses e tamén cidadáns do Reino Unido, Suecia, Alemaña e Afganistán.