Iria Boza, de Golmar, gañadora da modalidade Redes Sociais do concurso de fotografía A Laracha no obxectivo

A fotografía titulada Memorias de auga e cerne, realizada por Iria Boza Martínez, veciña da parroquia de Golmar, resultou gañadora da modalidade Redes Sociais da cuarta edición do concurso de fotografía A Laracha no obxectivo ao acadar 672 reaccións positivas na páxina de Facebook Turismo da Laracha, o maior apoio popular entre todas as imaxes presentadas.

A instantánea, captada o pasado 2 de novembro no río Acheiro, destaca pola súa forza visual e pola capacidade de transmitir, a través dunha composición equilibrada e dunha luz serena, a relación entre a auga e a identidade natural da contorna. Unha paisaxe que, ademais, pertence á mesma parroquia de residencia da autora, reforzando así o vínculo emocional e simbólico da obra co territorio que retrata.

O premio desta modalidade está dotado con 250 euros, cos que o Concello recoñecerá a Iria Boza Martínez o seu talento para a fotografía e a ampla resposta cidadá que xerou a súa proposta.

A vindeira semana reunirase o xurado profesional – formado por profesionais dos ámbitos audiovisual e turístico e por un representante municipal- para avaliar as obras presentadas á modalidade Xeral, á que concorreron 45 fotografías. Neste caso están establecidos un primeiro premio de 600 euros, un segundo de 400 e un terceiro de 250 euros

Con esta cuarta edición do certame A Laracha no obxectivo o Concello continúa a impulsar a creatividade, a participación e a difusión da riqueza paisaxística e patrimonial do municipio a través da fotografía.

Related posts

Celebradas no IES Parga Pondal de Carballo dúas das tres sesións que acollerá sobre o cambio climático

O BNG destaca que a súa presión vén de facer que a Xunta actúe ante a acumulación de area na entrada de Muxía

Morre un home e unha muller resulta ferida grave en Cuntis nun accidente de tráfico contra un camión