- Celaá ve esta medida como unha «censura previa que mesmo «vai contra a liberdade de cátedra»
A ministra de Educación, Isabel Celaá, declarou nunha rolda de prensa que se o Goberno de Murcia non retira o «pin parental» no prazo dun mes, o Executivo recorrerá esta medida ante os tribunais.
O «pin parental» é unha ferramenta exposta polo Goberno de Murcia, a proposta de VOX, mediante a cal os pais poderán dar autorización para que os seus fillos non acudan a charlas obradoiros que se celebrarán en horario lectivo.
O Goberno enviou o venres un requirimento ao Executivo murciano para instarlle a retirar unha medida que constitúe «unha censura previa, que vai mesmo contra a liberdade de cátedra». A día de hoxe non hai resposta a ese requirimento e Celaá entende que o prazo razoable para tomar medidas adicionais como a vía xudicial é dun mes.
Celaá lembrou que foi o Goberno do Partido Popular quen, coa chamada «lei Wert», limitou a capacidade de decisión dos pais nos consellos escolares, en referencia ás críticas do líder do partido, Pablo Casado, quen defendeu que os proxenitores teñen dereito a elixir os contidos deses obradoiros.