Isabel dos Santos acusada de expoliar Angola


O informe Luanda Leaks, unha filtración de máis 700.000 documentos, revela como Isabel dos Santos, filla do expresidente José Eduardo dos Santos, se beneficiou durante anos do réxime instaurado polo seu pai para apropiarse dos recursos e riquezas naturais de Angola -principalmente petróleo e diamantes, ata converterse na muller máis rica de África, cunha fortuna valorada en máis de 20.000 millóns de dólares. Angola conxelou os activos e contas bancarias de Isabel dos Santos e do seu marido Sindika Dokolo no marco dunha investigación por corrupción.

A xustiza repróchalle irregularidades nos casos en que interveñen empresas estatais, a empresa petroleira nacional Sonangol e a empresa pública de comercialización de diamantes Sodiam. Isabel dos Santos casou en 2003 con Sindika Dokolo, orixinario de República Democrática do Congo. O matrimonio constituíu desde entón unha multinacional societaria con negocios en diversos sectores: banca e finanzas, petróleo, diamantes, cemento, telecomunicacións, hipermercados ou empresas inmobiliarias. Xuntos crearon 192 compañías en 41 países. Un armazón de empresas rexistradas en xurisdicións que se poden considerar paraísos fiscais. Calcúlase que o prexuízo para o Estado angoleño é de máis de 1.000 millóns de euros.