Isabel Pardo de Vera recibirá a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo


A Medalla de Ouro da Cidade de Vigo deste ano 2022 será para Isabel Pardo de Vera, anterior presidenta de ADIF e actual secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. “Foi unha grande impulsora da acción ferroviaria e do transporte ferroviario desde Vigo; unha grande impulsora do AVE por Cerdedo, do tren de alta velocidade”, apuntou o alcalde vigués Abel Caballero, poñendo en valor que foi ela quen reiniciou o estudo hidroxeolóxico desa infraestrutura despois de que o parara o goberno do Partido Popular. “Unha grande impulsora da Saída Sur e da conexión de alta velocidade de Vigo con Oporto e tamén foi a impulsora definitiva da nova estación Vialia, un gran fito histórico, que saca a Vigo do illamento ferroviario e fai a grande estación de Vigo”. A gala de entrega dos premios celébrase o mércores 23 de marzo ás 20 horas do serán no Teatro Afundación.