Isabel Rodríguez participará en Camariñas na homenaxe ás persoas voluntarias do ‘Prestige’

1 minutes read

O Concello de Camariñas, con motivo do vinte aniversario da catástrofe do ‘Prestige’, celebrará este domingo, 13 de novembro unha homenaxe aos centos de voluntarios e voluntarias que limparon o litoral e que se aloxaron no municipio.

O acto, que comezará ás 12 horas na Casa de Pedra, contará coa presenza da ministra de Política Territorial e Portavoz do Goberno de España, Isabel Rodríguez, ademais de representantes doutras institucións a nivel autonómico, provincial e local, do tecido asociativo e das entidades do municipio e de colectivos e persoas que no ano 2002 participaron de forma activa nas labores de limpeza do litoral.

Logo das intervencións das autoridades, ao redor das 14 horas farase unha visita ao mural instalado na Lonxa Vella, unha lona xigante na que se ilustra, a través dunha fotografía un dos momentos da limpeza da costa, poñendo en valor o espectacular traballo que levaron a cabo as persoas voluntarias. Os músicos locais Belem Tajes e Fran Barcia serán os encargados de amenizar este momento.

Ademais, tamén se colocarán dúas placas conmemorativas na Casa de Pedra, edificio que foi o fogar das persoas voluntarias durante eses días, nas que, por unha banda, se recoñece a súa labor e, pola outra, se detalla a súa procedencia.