Israel intensifica as operacións terrestres en Gaza e retira o seu persoal diplomático de Turquía

As forzas israelís amplían as operacións terrestres na Franxa de Gaza, en paralelo aos bombardeos sobre o enclave, co obxectivo de eliminar a Hamás. Segundo as Forzas de Defensa de Israel, 450 obxectivos de Hamás, incluídos centros de mando foron atacados. Mentres tanto, os habitantes de Gaza continúan buscando día tras día novas vítimas baixo os entullos. O número de palestinos mortos en Gaza por bombardeiros israelís desde o inicio da guerra con Hamás o 7 de outubro aumentou ata máis de 8.000, segundo informou este domingo o Ministerio de Sanidade de Gaza.

Doutra banda, o ministro de Exteriores israelí, Eli Cohen, anunciou a retirada dos representantes diplomáticos do seu país de Ankara, en aparente reacción ao aceso discurso do presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, que o sábado comparou os bombardeos israelís sobre Gaza co holocausto.

Hai apenas un ano que Israel e Turquía intercambiaron embaixadores, tras cinco anos de tensións, iniciando así unha reconciliación que culminou coa visita do presidente israelí, Isaac Herzog, a Ankara en marzo pasado, mentres que se planificaba para o futuro tanto unha visita de Netanyahu a Turquía como unha de Erdogan a Israel. Pero Erdogan anunciou o martes pasado que descartara este plan e nos últimos días elevou o ton das súas críticas a Israel.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha