A Xunta de Goberno Local celebrada este mércores no Concello da Laracha adxudicou, entre outros, un proxecto que ten por obxecto renovar e modernizar varios parques infantís co propósito de facelos máis atractivos, cómodos e seguros para os seus usuarios. Neste caso o investimento alcanza os 50.000 euros e as obras serán executadas por Jardincelas.
Contémplanse intervencións en cinco localizacións diferentes: tres delas no núcleo urbano da Laracha (parques infantís da Praza do Concello, da praza O Recreo e do parque Maximino Canedo), unha en Caión (A Insua, xunto ao colexio) e outra no Cruceiro de Lendo, a carón do centro sociocultural desa parroquia.
En todos os casos prevese a reparación e renovación dos xogos e a substitución do actual pavimento de lousas de caucho por outro continuo de absorción de choques para mitigar o impacto ante posibles caídas dos nenos.
O proxecto é cofinanciado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.