Javier Domínguez Traba (BNG, 4 edís) é o novo alcalde de Corcubión tras ser investido este venres nunha sesión plenaria na que os concelleiros da oposición (PSOE, 2 – PP, 2 – SC, 1) votaron aos seus respectivos candidatos, polo que o nacionalista tomou o bastón de mando como líder do partido máis votado. Domínguez Traba apelou, ante un salón de sesións cheo de veciños e veciñas, á unidade de todos os grupos para acometer os proxectos que permitan a Corcubión seguir progresando. O BNG recupera desta forma a alcaldía de Corcubión tras os mandatos do histórico Rafael Mouzo Lago, quen exerceu como alcalde de 1979 a 2003 e, posteriormente, entre 2007 e 2008.