Javier Ramilo gaña cun Yacarcross o Rallymix Concello de Arteixo

1 minutes read

A pasada fin de semana disputábase a primeira edición do Rallymix Concello de Arteixo, cuarta proba da modalidade do Campionato Galego na cal Javier Ramilo lograba a segunda vitoria da tempada, tras ser o máis rápido en catro das cinco mangas celebradas. Ramilo vencía por unha diferenza próxima aos dous minutos sobre outro equipo da Escudería Yacar Racing, o formado por José Fernández-Juan Brun, que co seu Ford Fiesta R5 se impoñía na categoría de Turismos na que esta vez non puideron loitar pola vitoria Perfecto Calviño-Rubén Santás, que con diversos problemas no seu Peugeot 208 Proto non conseguiron terminar dous das mangas, véndose así moi atrasados na clasificación final.

Outro dos aspirantes ás primeiras posicións e vencedor da proba anterior en Piñor, Daniel Remuiñán, tamén cometía un par de erros debido a unha saída o sábado e a unha rotura dun palier o domingo, polo que non pasaba da novena praza por diante doutro Yacarcross, o de Javier Senín. Tamén cun Yacarcross participaban Eduardo López, no seu debut na especialidade, e José Domínguez.

Ademais, hai que destacar a presenza de Sandra García-Suso Romero, que se saían o sábado co seu Peugeot 208 Proto e non podían continuar, así como a rotura da cadea no Seat 600 Proto de Mario Lorenzo-Marcos Calviño. Baixo a estrutura de Yacar Racing tamén participaba o piloto canario Gustavo Sosa cun Peugeot 208 N5 e acompañado por José Pintor así como os equipos formados por Martín Torreiro-Nicolás Cernadas (Opel Corsa) e Miguel Suárez-Martín Aguiar (Citroën Saxo).