Esta pasada fin de semana do 16 e 17 de marzo iniciábase o Campionato de Galicia de Rallymix na localidade de Cuntis (Pontevedra), onde entre os 25 participantes na categoría de Car Cross había nada menos que 14 da marca Yacarcross. Entre eles o vixente campión, Javier Ramilo, e o subcampión, Abel Jurado, a quen se sumaba un bo número de pilotos locais. Ramilo comezaba marcando o mellor tempo na primeira pasada das cinco previstas ao treito mixto de 13,89 km mentres Jurado tiña un problema co embrague que lle impedía completar esta manga. A primeira xornada concluía con outra pasada máis, en lugar das tres previstas, con Ramilo liderando provisionalmente a carreira cunha ampla renda próxima aos 40 segundos sobre o segundo clasificado. Tamén estaba a destacar Daniel Remuiñán, sexto da clasificación provisional e cuarto entre os Car Cross. Ademais, Jurado gañaba esta manga, pero seguía moi atrasado debido ao crono asignado por non terminar a anterior do mesmo xeito que Abraham Duarte, que se saía na primeira.

Na primeira das tres mangas que restaban para o domingo, Ramilo tiña problemas de freos o que, unido a unha picada na quinta e derradeira pasada, lle impedían loitar pola vitoria polo que finalizaba en segunda posición, un bo resultado de fronte ao campionato. Jurado demostraba a súa rapidez gañando a cuarta manga sendo Adrián Ameal o mellor clasificado tras Ramilo cos Yacarcross, ao facelo na sexta posición absoluta e cuarto entre os Car Cross seguido por Javier M. Carracedo e Abel Jurado.

Na categoría de Turismos, Perfecto Calviño e Rubén Santás saíanse na primeira pasada co Peugeot 208 Proto caendo a unha gabia, polo que houbo que agardar a que finalizase a mesma para que puidesen continuar realizando as outras catro mangas sen incidencias, pois o coche non sufrira ningún dano. Calviño e Santás, vixentes campións, terminaban na duodécima praza e cuartos entre os Turismos onde o equipo da Escudería Yacar Racing formado por José Fernández e Juan Brun, cun Ford Fiesta N5, completaban o podio da categoría co terceiro posto. Ademais, tamén participaban Sandra García e Suso Romero, que se viron lastrados polo desgaste dos pneumáticos no Peugeot 208 Proto, pero conseguían polo menos concluír a carreira.
