O que foi cabeza de lista de Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto nas pasadas eleccións municipais, Jesús Deus Gende decidiu seguir o seu camiño desvinculándose desta opción política nada da unión entre Xuntos Carballo e M+J, tanto a nivel local como autonómico, onde exercía de voceiro das dúas formacións fusionadas hai dous anos. Matizou que o pasado 31 de maio presentou a súa dimisión de todos os seus cargos, porque consideraba que deben de ser outros compañeiros/as os que sigan con ese proxecto. Afirmaba que por diferentes motivos o máis acertado era dar paso a outras persoas que sen dúbida o farán excelentemente e aos cales lles desexou moitísima sorte.
No ano 2013 Deus Gende xa fora secretario local, comarcal, membro do consello político nacional de Compromiso por Galicia e partícipe na coalición da Marea Galeguista onde afirma, «volvemos coincidir, por eso despois de pensalo moito volvo ás miñas orixes, ocupando de novo as funcións descritas anteriormente».
«Nos últimos anos xurdiron novas opcións políticas na nosa terra, pero creo que agora máis que nunca Galicia necesita unha forza Galeguista moderada e de centro que ilusione a unha gran parte da cidadanía que non se ve representada. Como dato anecdótico diría que do mesmo xeito que un bo café natural non é o mesmo que un descafeinado por moito que queira parecerse, non teñen o mesmo aroma ou sabor, é por eso que os sucedáneos non deixan de ser un extracto do orixinal. Imos seguir dando a coñecer as queixas e reivindicacións da veciñanza como o fixemos ata o de agora», afirmaba Deus Gende.
«Damos as grazas á executiva nacional por darnos a oportunidade de integrarnos e de volver crecer xuntos. Poñémonos a traballar de maneira inmediata, non só para estar presentes en Carballo, senón tamén no resto dos concellos de Bergantiños, nalgún dos cales as conversacións están moi avanzadas e en Coristanco pechadas. Acompáñame neste novo capítulo Víctor Manuel Fraga Arantón, gran amigo e excelente relacións públicas que se fai cargo da secretaría de organización a nivel local e comarcal».
Se a algunha opción política lle parecía que a voz do pobo se disiparía despois de que preto de 400 persoas nos desen o seu apoio estaban moi afastados da realidade. Estamos máis fortes que nunca para seguir loitando por aqueles/as que consideran que o cambio é posible. Compromiso por Galicia Carballo e Coristanco están xa en marcha», concluíu o secretario local e comarcal de CxG Carballo, Jesús Deus Gende.