Unha residencia de maiores na vila de Cee é un dos fortes compromisos que adquiriu o Partido Popular da localidade coa súa veciñanza cando goberne. Jesús Picallo, que encabeza a candidatura, trasladoulle o seu proxecto á conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García.
Picallo explicou que, unha vez chegue á Alcaldía, presentará a súa proposta para fixar unha colaboración de cara a facela realidade. Un centro que se prevé que se sitúe nas inmediacións do Paseo Alcalde Pepe Sánchez.
“Con este proxecto, desde o equipo do PP de Cee queremos facer realidade unha demanda histórica non só da veciñanza do noso municipio, senón tamén de concellos limítrofes”, sinala o candidato á Alcaldía de Cee. “Non comprendemos o motivo polo que ata agora desde o goberno socialista non se fixo absolutamente nada por ofrecer este servizo, sendo algo esencial e imprescindible no noso concello”, subliña Picallo. “De feito, a actual alcaldesa nin sequera contou co apoio do seu partido cando desde o organismo provincial se ideara a posibilidade de promover unha serie de residencias”, continúa Picallo, o que “demostra a falta de iniciativa de Margot Lamela”.
Características do centro
A residencia contará con 100 prazas e xerará 40 postos de traballo.
“Este tipo de centros non só repercutirán na saúde física e mental dos nosos maiores ou persoas de avanzada idade que non dispoñan de recursos para valerse por si mesmas, senón que tamén permitirá aos seus familiares ter máis opcións de conciliación ao tempo que se crearán novos postos de traballo”, afirma Picallo.