O candidato á Alcaldía de Cee polo Partido Popular, Jesús Picallo, recibiu na tarde deste luns á conselleira do Mar, Rosa Quintana, nunha visita que se estendeu pola zona do porto da vila ceense.
O líder dos populares en Cee explicou á conselleira as demandas actuais dos mariñeiros e pescadores do pobo, quen precisan unhas mellores condicións de traballo.
“A xente do mar precisa de máis recursos e mellores condicións nas que realizar o seu oficio e hoxe, diante da titular da Consellería do Mar, damos voz a todos os mariñeiros, pescadores e mariscadoras que levan anos pedindo un cambio”, afirma o candidato á Alcaldía, Jesús Picallo.
Entre os temas tratados polo líder popular e a conselleira atópanse a ordenación do porto, dependente de Portos de Galicia, ou as inversións empresariais que se levarán a cabo no peirao de Brens.
Planta de reciclaxe de barcos en Brens
Un dos asuntos valorados foi como como Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, culminou a tramitación para a concesión por 20 anos para a construción dunha planta de desguace e reciclaxe de barcos na dársena de Brens. Cunha superficie de preto de 3.000 m2, lévase intentando instalar desde o ano 2006.
No pasado, desde o goberno socialista de Cee frearon esta iniciativa, que prevé xerar en torno a unha ducia de empregos. Na actualidade, Brokenboats está a executar as obras previstas no título concesional.
Picallo e Quintana tamén tiveron tempo para conversar sobre as obras de ampliación do porto de Brens, unha das maiores executadas por Portos (entre 2009 e 2012) cun custo total próximo aos 10 M€ e cunha axuda europea de preto de 6,5 M€.
Esta actuación fíxose para dar cabida a buques de gran tonelaxe, xa que permite a entrada de entre 6 e 10 barcos de 25.000 toneladas. A infraestrutura pretende converterse nun elemento clave na dinamización económica da Costa da Morte e abrir un novo escenario para os tráficos marítimos de toda Galicia.
“No Partido Popular de Cee somos conscientes do que hai que mellorar no noso concello, e a ordenación do porto é un tema que temos sobre a mesa”, afirma Picallo. “Tocaremos en todas as portas necesarias para ofrecerlle solucións á nosa veciñanza, porque Cee é un conxunto e a nosa formación non está disposta a deixar a ninguén a un lado”, subliña o candidato.