Coa chegada da Administración Biden a relación dos Estados Unidos coa Unión Europea recupera o seu vigor. Este venres o presidente norteamericano e a xefa da Comisión pactaron por teléfono rematar coas represalias e as guerras comerciais. Non haberá subidas de aranceis contra produtos agrícolas, alimenticios ou industriais durante catro meses. E nese tempo a Unión Europea e os Estados Unidos comprométense a atopar unha solución ás súas disputas aeronáuticas, con Boeing e Airbus polo medio. Bruxelas e Washington recoñecen o enorme traballo conxunto por diante para loitar contra a pandemia da Covid e mellorar a produción global de vacinas. Pola súa banda, o Goberno español celebra esta suspensión da guerra comercial como unha excelente nova para o sector agroalimentario, que sufrira subidas nos aranceis á súa venda nos Estados Unidos.