Acurralado polos escándalos e coa oposición pedindo a súa cabeza, o primeiro ministro británico, Boris Johnson, volveu a pedir perdón este luns ante a Cámara dos Comúns polo «partygate» e anunciando «cambios» no funcionamento do seu Goberno. Fíxoo o mesmo día que se publicou unha investigación realizada pola implacable funcionaria Sue Gray sobre as 16 festas e actos celebrados en distintos departamentos do Goberno durante os confinamentos. No documento denúnciase «un grave incumprimento dos estándares que se esperan de quen traballa no Goberno», así como «fallos de liderado» no 10 de Downing Street.
«En primeiro lugar quero pedir perdón, e síntoo polas cousas que simplemente non fixemos ben e tamén pola forma en que se manexaron estes asuntos. Enténdoo e arranxareino», asegurou Johnson.