O exseleccionador de fútbol feminino, Jorge Vilda, nega haber coaccionado a Jenni Hermoso para que falase e apoiase a versión de Luís Rubiales, despois do bico que o expresidente da RFEF lle deu na final do Mundial feminino. Así o asegurou na súa declaración ante o xuíz da Audiencia Nacional este martes, onde acudía en calidade de investigado. Vilda negou recibir instrucións para presionar á xogadora e dixo non ver «o momento do bico» porque el estaba de último na fila para recoller as medallas. Así mesmo, asegurou que «no campo e no autobús había ambiente de festa, pero no avión xa estaba enrarecido». Vilda que foi destituído o pasado 5 de setembro, estivo en sede xudicial durante unhas dúas horas prestando a súa versión dos feitos.