A dirección do Partido Popular na provincia da Coruña, encabezada polo seu presidente, Diego Calvo, avalou a José Domínguez Buiturón como cabeza de lista da formación popular no Concello de Corcubión para as próximas eleccións municipais que se celebrarán no mes de maio.
Nado en Corcubión (1959) e pai de tres fillas, o novo candidato asume agora o reto de liderar a formación popular tras ser patrón maio durante 30 anos. Xubilado, na actualidade, Domínguez segue moi vinculado á actividade pesqueira, da que formou parte como empresario e propietario dun barco, exercendo como asesor do actual patrón maior da confraría de pescadores.
Convencido de que o Concello de Corcubión e os seus veciños merécense máis e mellores oportunidades en todos os ámbitos, Domínguez subliñou que tomou a decisión de dar o paso á fronte coa o intención de formar un “grupo amplo de traballo” e co obxectivo de poder ofrecer unha alternativa que xere a “ilusión necesaria” para lograr o cambio que necesita o municipio.
Na procura deste reto, Domínguez comprometeuse a abrir as portas da súa formación a todas as persoas afíns ao Partido Popular. “Levamos tempo traballando para incorporar a toda a xente que queira botar unha man, que sume ao novo proxecto e que nos acheguen as ides necesarias para poder conformar unha alternativa seria e solvente”, dixo o popular, quen recoñeceu que as próximas semanas resultarán “determinantes” para poder chegar a todos os recunchos do municipio.