José Enrique e Kike Benlloch presentan «Historia de Muxía e Moraime», froito de décadas de investigación documental

2 minutes read

O Parador Costa da Morte acollerá este venres 16 de outubro, ás 19:30h, a presentación do libro «Historia de Muxía e Moraime. Apuntamentos», unha obra dos investigadores José Enrique Benlloch del Río e Kike Benlloch Castiñeira que representa a culminación de décadas de estudo e investigación sobre o pasado de Muxía, Moraime e as terras de Nemancos.


A publicación destaca polo seu rigor histórico e polo emprego de fontes documentais primarias, como pergamiños, tombos, legaxos, rolos e documentación notarial e xurisdicional, procedentes de arquivos de Galicia, do resto de España, do estranxeiro e ate do Vaticano. Este exhaustivo traballo permite reconstruír aspectos fundamentais da historia local, desde a organización territorial e as relacións sociais e económicas ata os conflitos xurisdicionais e administrativos que marcaron a evolución de Muxía e da súa contorna.


José Enrique Benlloch, nacido en Muxía, leva décadas dedicado á investigación histórica, cunha ampla produción científica e divulgativa sobre a comarca. O seu fillo, Kike Benlloch, enxeñeiro informático e investigador, achega a súa experiencia no tratamento da información, na cartografía e na análise documental. A colaboración
entre ambos constitúe un exemplo de transmisión interxeracional do coñecemento e de aplicación das novas tecnoloxías á investigación histórica.


Un proxecto editorial comprometido coa cultura e coa memoria local


A edición do libro foi posible grazas á colaboración entre a Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia, a Asociación Cultural Xervasio Paz Lestón e o Parador Costa da Morte, baixo a dirección de Julio César Castro Marcote. O apoio destas entidades resultou fundamental para que este inxente traballo de investigación puidese materializarse nunha publicación ao alcance da cidadanía.


A Asociación Cultural Xervasio Paz Lestón, constituída en 2009, desenvolve un labor de promoción cultural e de conservación da memoria histórica de Muxía, seguindo o legado do escritor e xornalista muxián Xervasio Paz Lestón. Pola súa parte, o Parador Costa da Morte reafirma co seu apoio a esta iniciativa o seu compromiso coa divulgación do patrimonio cultural e histórico da comarca.


Na mesa de presentación participarán, ademais dos dous autores, Mercé Barrientos Varela -en representación da asociación por delegación da súa presidenta, Luisa Gerpe García- e Julio César Castro Marcote, director do Parador Costa da Morte, que exercerá como anfitrión.


Ao acto foron convidados tamén, ademais da veciñanza do concello, o alcalde e os membros da corporación municipal, o presidente da Confraría de Pescadores, o xuíz de paz e os párrocos das dúas parroquias.


«Historia de Muxía e Moraime» aspira a converterse nunha obra de referencia para investigadores, centros educativos e veciñanza e a contribuír á conservación e divulgación dun patrimonio documental que forma parte da identidade colectiva do concello.