José Lamela e Daniel Pérez volven gañar a Agrupación 2 no Rallye de Pontevedra


Un difícil Rallye de Pontevedra, cuarta proba do Campionato de Galicia de Rallyes, foi o que tiveron que afrontar José Lamela e Daniel Pérez sobre uns tramos sumamente complicados debido á choiva, sobre todo na xornada do venres e na primeira sección do sábado, o que provocou moitísimos abandonos e que o Citroën DS3 R3T do equipo da escuadra Yacar Racing fose o único que chegou ao parque pechado final entre os rexistrados na Agrupación 2.

Estaba claro que ía ser unha proba de supervivencia que comezaba xa mal no curto tramo do venres no polígono industrial de Nantes en Sanxenxo, onde baixo un intenso e persistente chuvieiro nada máis saír ao mesmo embazábase o parabrisas, perdendo moito tempo para a clasificación provisional.

O primeiro bucle do sábado non se iniciaba moito mellor pois aínda que á primeira hora da mañá parecía que non ía chover, terminaría facéndoo como o día anterior. Ademais, Lamela saía cunha equitación errónea de pneumáticos, o que aínda condicionou máis a súa actuación que se endereitou algo a partir da segunda pasada pola especiais de Meaño, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro-Moraña, coas condicións atmosféricas máis favorables pero cos tramos moi sucios aínda, aínda que xa sen outro obxectivo que seguir rodando co coche, unha vez detectados todos os problemas que xurdiran en probas anteriores. O terceiro e último paso polas especiais sería de mero trámite, concluíndo de novo José Lamela e Daniel Pérez como vencedores da Agrupación 2, quintos no Trofeo Driver Pirelli Autia Top Ten B e duodécimos na clasificación final, sendo ademais segundos entre os coches de dúas rodas motrices ao verse esta vez superados por Javier M. Carracedo.

Sen apenas descanso, a próxima cita será o Rallye Sur do Condado en Salvaterra de Miño o 9 de xullo.