- Caamaño xa traballara con anterioridade no Concello de Carballo en comisión de servizos
A Policía Local de Carballo conta desde este luns cun novo oficial. José Luis Caamaño Domínguez tomou posesión como funcionario de carreira tras superar o proceso selectivo que se desenvolveu polo sistema de concurso, e no que tamén resultou seleccionado Santiago Abellas González, que dispón dun mes de prazo dende a notificación para incorporarse ao posto ou renunciar.
O acto da toma de posesión celebrouse na alcaldía coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero; do concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e do xefe da Policía Local, Roberto Mosquera.
O rexedor destacou o labor desenvolvido por José Luis Caamaño durante o tempo que traballou con anterioridade no Concello de Carballo en comisión de servizos e no que demostrou ser “un gran profesional”.
Pola súa banda, o novo oficial, moi emocionado, cualificou como “un orgullo” poder formar parte do corpo da Policía Local de Carballo, no que agarda permanecer “por moitos anos”.