José Manuel Pequeño e Walter Pardo analizan o proxecto da Senda dos Faros de Malpica


  • O deputado de Vías e Obras destaca a importancia do proxecto, que conta con financiamento europeo e suporá un investimento de 5,1 millóns de euros.

O deputado responsable da área de Vías e Obras da Deputación da Coruña, José Manuel Pequeño Castro, e o alcalde de Malpica, Walter Pardo Añón, reuníronse este mércores no consistorio malpicán para analizar os detalles do tramo da Senda dos Faros que discorerrá polo municipio.

Pequeño enmarcou o encontro na rolda de reunións que o seu departamento está a levar a cabo cos distintos municipios da provincia que participan no proxecto Sendas do Faros, no que a Deputación, coa colaboración económica de fondos FEDER, investirá 5,1 millóns de euros para dotalos de sendas ciclables que conectarán once faros da provincia, entre eles o malpicán de Punta Nariga, cos seus núcleos de poboación máis cercanos.

O deputado explicou que os proxectos están actualmente en fase de redacción e que o obxectivo da reunión e “analizar os itinerarios por onde van a pasar as sendas e ver se é necesario realizar algunha pequena modificación no proxecto”. No caso de Malpica, o itinerario previsto sería un dos máis extensos, con 14 quilómetros de lonxitude, e discorrería na súa maior parte polas marxes da estrada provincial.

Case 60 quilómetros de sendas no entorno de 11 faros coruñeses

Pequeño afirmou que as Sendas dos Faros será un dos proxectos máis importantes do goberno provincial no presente mandato, que ademáis de fomentar unha mobilidade máis sostible e reducir as emisións de CO2 contribuirá a potenciar o valor patrimonial e paisaxístico dos faros da costa coruñesa e a promover o turismo.

Os faros obxecto do proxecto serán os de Estaca de Bares (Mañón), Cabo Ortegal (Cariño), Punta Frouxeira (Valdoviño), Punta Nariga (Malpica), Laxe, Cabo Vilán (Camariñas), Cabo Touriñán (Muxía), Fisterra, Cabo de Cee (Corcubión), Lariño (Carnota) e Punta Queixal (Muros), nos que se deseñarán un total de 59,6 quilómetros de itinerarios de sendas ciclistas apoiados na rede viaria existente e cun ancho aproximado de 2 metros.