A dirección do Partido Popular na provincia da Coruña, encabezada polo seu presidente, Diego Calvo, avalou a José Manuel Rodríguez Blanco ‘Roque’ como cabeza de lista da formación popular no Concello de Vimianzo para as próximas eleccións municipais que se celebrarán no mes de maio.
Responsable dunha empresa de electricidade e nado na parroquia de Baíñas no ano 1968, ‘Roque’ coñece en primeira persoa o mundo da política municipal, toda vez que xa formou parte da corporación local como concelleiro durante case 20 anos.
O novo candidato asume agora o reto de liderar a formación popular convencido de que chegou o momento de ofrecer aos veciños de Vimianzo unha alternativa “seria” e “solvente” que permita poñer fin a un executivo local que non foi capaz de conseguir que o municipio sexa unha referencia a nivel social e económico dentro da comarca.
Na procura deste obxectivo, ‘Roque’ comprometeuse a abrir as portas da súa formación a todas as persoas afíns ao Partido Popular para dixo, desta maneira, formar un equipo que recupere a “unidade necesaria” e a “ilusión suficiente” para axuntar o voto de todos os veciños que demanda un cambio de rumbo no Concello.