A Cidade da Cultura acolleu este luns a cerimonia de entrega das Medallas de Galicia, a máxima condecoración que entrega o Goberno galego. A música foi a protagonista desta 39 edición, xa que os galardoados foron Juan Pardo, Carlos Núñez e Luz Casal.
Tras 20 anos afastado dos escenarios, Juan Pardo fixo unha excepción para recoller a Medalla de Galicia, unha palabra, dixo, que sempre estivo na súa boca como compositor, cantante e produtor.
Carlos Núñez comprometeuse a intentar seguir levando a alma de Galicia polo mundo e agradeceu o recoñecemento no idioma en que mellor se expresa: o da gaita.
Luz Casal dedicoulle a medalla á súa vila natal, Boimorto, e á súa familia, que sempre viviu co peso de verse obrigada a emigrar.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou no seu discurso Galicia como un lugar propicio para a creación, grazas, dixo, a unha idea de galeguidade que non entende de fronteiras.