- Dous veciños da parroquia carballesa de Noicela, de 85 e 90 anos de idade, non entenden como poden estar sen vacinar, máis se cabe, co agravante de familiares con patoloxías previas.
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, e o parlamentario e vicesecretario xeral do PSdeG Pablo Arangüena, manteñen este venres un encontro cos alcaldes, portavoces e representantes institucionais e orgánicos do PSdeG da comarca de Bergantiños, para analizar a situación da sanidade pública. Será ás 12:00 na Casa do Pobo de Carballo. Xa pola tarde, ás 16:00, acompañados da portavoz socialista en A Laracha, Palomi Rodríguez, manteñen un encontro co patrón maior de Caión.
Julio Torrado sinalou este xoves que a Xunta ten “a obriga moral” de subministrar tódalas vacinas dispoñibles, di que o goberno galego mantén almacenadas 100.000 vacinas contra o coronavirus. No debate dunha pregunta oral en Comisión, censurou que “mentres Feijóo quere forzar os dereitos e liberdades para obrigar á xente a vacinarse, non considera que sexa unha obriga moral da Xunta poñer tódalas doses dispoñibles”. O responsable socialista alertou da “discrepancia” entre a almacenaxe de vacinas nas neveiras do Sergas mentres o goberno galego mantén á “xente forzada e obrigada a romper os seus dereitos” ao aprobar unha modificación da Lei de Saúde que está parcialmente suspendida polo Tribunal Constitucional precisamente por obrigar a vacinar. Sinala que “o máis lóxico sería que fora a Xunta quen se sentira obrigada a poñelas”.