Karim deixou ventos de máis de 150 km/h e inundacións en varios puntos

2 minutes read
  • A Axencia Galega de Emerxencias desprazou a Ponteceso o Grupo de Apoio Loxístico cunha vintena de bombas de achique, entre elas unha para grandes caudais.

A borrasca Karim guindou colectores e árbores, tirou valados e tellados, obrigando a pechar parques e xardíns. Problemas que foron provocados xa non só polo forte vento, que chegou aos 157 quilómetros por hora nalgúns lugaress, senón tamén pola gran cantidade de chuvia que caeu. Precipitacións que provocaron asolagamentos en varios puntos, os máis graves en Baio e en Vimianzo onde caeron 109 litros por metro cadrado.

En Carballo caeron varios árbores á estrada que comunica con Ordes, tamén en Oza, Sofán e Rus. Estiveron cortadas dúas estradas que enlazan con Coristanco, a DP-1911 e a DP-1912. Houbo asolagamentos na estrada que une Carballo con Portomouro. O caudal do río Anllóns estivo ao límite ao seu paso pola capital de Bergantiños.

Estado do río Anllóns ao seu paso por Carballo.

Vimianzo tamén se levou unha das peores partes da borrasca Karim, ademáis do forte vento que sobrepasou os 135 Km/h, a capital de Soneira estivo intransitable por diferentes puntos do casco urbano. Do mesmo xeito en Cee ou en Camariñas tampouco se libraron, houbo inundacións considerables en Xallas, camelle ou Area da Vila.

A Axencia Galega de Emerxencias enviou equipos especiais de achique a Ponteceso.

Nunha das entradas a Ponteceso, informábase aos condutores de que posiblemente terían que buscar vías alternativas. A marea alta coincidiu coas chuvias abondosas da última borrasca. Os regueiros que atravesan a localidade para desembocar no Anllóns rebordaron e a avenida Eduardo Pondal volveu asolagarse. A auga entrou descontrolada nas casas, nos garaxes e nos negocios. A Axencia Galega de Emerxencias desprazou a Ponteceso o Grupo de Apoio Loxístico cunha vintena de bombas de achique, entre elas unha para grandes caudais.

Estado inundado da rúa Eduardo Pondal de Ponteceso.
A estampa afable póñena os animais refuxiándose na ladeira do Anllóns en Carballo, escapando da enchente.