Kiev prepárase para a guerra urbana

1 minutes read

Unha enorme columna de tanques estivo parada nos arredores da capital ucraína, pero agora reagrupouse e Reino Unido cre que a ofensiva podería ocorrer nos próximos días, polo que en Kiev aumenta o temor a un ataque inminente das tropas de Rusia. O convoi enviado por Vladímir Putin estase reagrupando ao noroeste da capital ucraína, segundo mostran as imaxes tomadas por satélite da empresa estadounidense Maxar.

O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, asegurou que a resistencia alcanzou «xa un punto de inflexión estratéxico» nesta guerra. «É imposible dicir cantos días nos quedan para liberar o territorio ucraíno. Pero podemos dicir que o faremos», reivindicou nun discurso difundido en vídeo.

Moitos ucraínos están a recibir adestramento militar en espazos pechados para evitar ser atacados. A batalla por Kiev prevese moi dura. O presidente ruso Vladimir Putin aprobou o envío de 16.000 combatentes voluntarios estranxeiros. O seu homólogo ucraíno, Volodímir Zelenski, denuncia que son mercenarios con experiencia no combate urbano da guerra de Siria.