”É unha decisión estritamente persoal e consensuada coa organización”, palabras de Kuka Sar, único concelleiro do BNG na corporación de Fisterra, que este martes presentou a súa renuncia como edil, deixando así a primeira liña da política local despois de dez anos. En todo caso afirmaba que seguirá traballando por Fisterra e polo pobo galego e, sobre todo, polas clases populares dentro da súa organización.
Comunicado de Kuka Sar Oliveira
Veño de presentar a miña renuncia como concelleiro no Concello de Fisterra.
É unha decisión estritamente persoal e consensuada coa organización.
Despois de 10 anos, deixo a primeira liña na política local.
Nestes 10 anos din moito máis do que ata eu mesmo pensei que ía a dar cando no 2013 tiven que acuparme da portavocía do grupo municipal do BNG sendo o número 8 da candidatura.
Quero agradecer en primeiro lugar á miña familia, por aguantarme todo este tempo e por aguantar algúns ataques que sempre se sufren cando se ocupan cargos deste tipo e en segundo lugar agradecer ás compañeiras e compañeiros por confiar en min todo este tempo.
Deixo a primeira liña, pero non deixo a política , polo que seguirei traballando por Fisterra e polo pobo galego e sobre todo polas clases populares dentro da miña organización e como non, nas rúas .
Non fai moito , unha amiga díxome que quen tiña mans e corazón sempre topaba onde defender ao país e aí estaremos sempre!
Viva Fisterra!
Viva Galiza Ceibe e Socialista!