La Oca Band presentou en Carballo un espectáculo temático titulado ‘A Historia da Verbena’

La Oca Band comezou a súa andaina no ano 1991 como grupo musical en festas e verbenas co nome La Oca, no ano 2015, coa incorporación dun trío de metais pasa a ser La Oca Band. A orquestra ofrece actuacións en directo, cancións en galego, temas propios e adaptacións. Foi unha das primeiras agrupacións de bandas galegas con merchandising propio ofrecendo os seus espectáculos por todo Galicia e converténdose nun referente das orquestras galegas. Actualmente conta con 12 compoñentes, tres cantantes, baixista, guitarrista, teclista, batería, saxofonista, dous trompetistas e técnico de iluminación e son.

O sistema de video-interacción coa música en directo da orquestra La Oca Band foi todo un éxito vivido este venres na Praza do Concello de Carballo, un espectáculo que narrou a evolución das verbenas galegas a través da música, o baile e o humor, utilizando imaxes e vídeos de diferentes épocas. En escea 10 músicos e un narrador, buscan crear unha experiencia inmersiva na historia das orquestras e festas populares en Galicia.
«A Historia da Verbena» de La Oca Band fixo un percorrido musical que abarcou desde a metade do século pasado ata a actualidade, mostrando como as verbenas e as orquestras evolucionaron ao longo do tempo. O show combinou música en vivo, canto, baile e elementos visuais como fotos e vídeos proxectados en pantallas xigantes, ademais da narración do polifacético Pepo Suevos que contextualiza a música con datos históricos.
O obxectivo principal do espectáculo é preservar a tradición das verbenas galegas, poñendo en valor a riqueza cultural e artística das orquestras galegas, e fomentar a participación do público neste tipo de eventos, tamén coa pretensión de concienciar sobre a importancia de manter vivas as festas populares en Galicia, especialmente nun momento en que parece que comezan a decaer.
O espectáculo incluíu un repertorio musical coidadosamente seleccionado, interpretado en directo polos músicos, e con temas en galego que marcaron época. Ademais, o show contou coa colaboración de compoñentes de máis de 50 orquestras galegas, unindo a diferentes xeracións de músicos nun escenario único.
A Oca Band presentou este espectáculo en varias localidades, incluíndo Sanxenxo, e foi ben recibido polo público. O show busca ser unha experiencia entretida e didáctica, que permite aos asistentes viaxar no tempo e revivir a historia das verbenas galegas, algo que en Carballo conseguiron con creces.

Lito Garrido (Panorama) ou Blas Piñón (París de Noia), grandes coñecidos da verbena en Galicia, participaron tamén no espectáculo audiovisual ofrecido pola orquestra La Oca Band este venres noite en Carballo.

Related posts

Portos e Concello de Fisterra acordan a proposta para a reversión ao Estado de terreos innecesarios do peirao

Xornada Nova Economía para a Aldea do Século XXI, celebrada no Couto, en Ponteceso

A Laracha solicitará acollerse ao incremento da achega autonómica destinada ao Servizo de Axuda no Fogar