La Palma | Pedro Sánchez anuncia un plan de reconstrución de máis de 200 millóns


O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este domingo que durante a reunión do Consello de Ministros do próximo martes aprobarase de maneira urxente un plan de axudas de máis de 200 millóns de euros para axudar aos afectados pola erupción volcánica da Palma. Segundo afirmou, durante unha visita á illa, trátase dun plan “moi potente” por un importe superior aos 206 millóns que será aprobado polo Goberno como real decreto e que servirá para reconstrución de infraestruturas e da subministración de auga, e que inclúe partidas para o emprego, o sector turístico, a agricultura, así como beneficios fiscais.

Estas axudas forman parte da segunda fase do Plan de Reconstrución da Palma, que se unen aos máis de 10 millóns de euros aprobados a pasada semana polo Goberno para a adquisición de vivendas e aveños. Sánchez destacou a “lección de civismo” da que está a dar mostras a sociedade palmeira, como proba o feito de que o volcán non producise ata a data danos persoais. Tamén lanzou unha mensaxe de tranquilidade aos turistas para que acudan sen medo a gozar da illa e sinalou que as institucións traballan para “garantir a seguridade”.