“La Vuelta 21”, unha nova oportunidade para Galicia


Este mércores tivo lugar a presentación da 20ª etapa de La Vuelta 21, con percorrido e meta no concello de Mos. Galicia acollerá entre o 3 e o 5 de setembro as tres últimas etapas da Volta Ciclista a España que ademais este ano, coincidindo co Xacobeo, remata na praza do Obradoiro. Ao acto de presentación acudiron o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

Todos coincidiron en destacar a oportunidade que supón esta competición para dar a coñecer Galicia como destino turístico no exterior, así como puntos das distintas rutas do Camiño de Santiago. De feito, esta etapa que atravesa as Rías Baixas polos concellos de Sanxenxo, Pontevedra, Redondela, O Porriño, Baiona e Mos, rematando no alto do Castro de Herville, ten moitas similitudes co trazado do Camiño Portugués e, por tanto, unha ocasión para promocionalo. Ademais Mos é un municipio moi vencellado ao Camiño, tal e como o reflicte o seu lema turístico: “a Rosa do Camiño”.

Trátase da segunda das tres etapas que pasan por Galicia, cunha anterior na Ribeira Sacra por Monforte, Lugo e Sarria e a última desde Padrón a Santiago, tamén o último tramo que realizan os peregrinos antes de chegar á catedral compostelá.