“Lab Barbanza” de Boiro intégrase na Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación


Boiro súmase así aos concellos de Oleiros, Brión, Ames, Carballo, Moeche e A Capela que tamén contan con centros de coworking especializados en diferentes sectores.

O centro boirense está situado no polígono industrial de Espiñeira, propiedade do Concello, dispón de 283 metros cadrados de superficie útil distribuídos en 5 oficinas, sala de recepción, servizo de reprografía e sala para reunións, xestión e presentación de proxectos, así coma aseos e zonas comúns.

O inmoble conta ademais con xardíns e zona de aparcamento exterior, insonorización, calefacción central de alta eficiencia enerxética, iluminación con LED de baixo consumo, conexión de telefonía e fibra óptica en todos os espazos e accesibilidade total para persoas con mobilidade reducida.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitouno este xoves, acompañado do alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e dos deputados provinciais Blas García e Sandra González. Formoso destacou a necesidade de “aproveitar o potencial industrial de Galicia e apostar pola innovación”.