Lalín acollerá un equipo de produción térmica con biomasa


Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita á vila xunto ao alcalde, José Crespo, e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández. Na presentación do proxecto, o responsable autonómico de Educación explicou que o “ambicioso proxecto” vai ter a súa base no aparcadoiro do instituto Ramón María Aller, construirase un equipo de produción térmica con biomasa desde onde partirán as instalacións hidráulicas que alimentarán tanto a este centro como ao colexio Xesús Golmar, ao Auditorio Municipal e á escola infantil Galiña Azul Lalín-Pontiñas. En concreto, co cambio de combustible lograrase unha diminución do 25% no consumo de enerxía e reduciranse 184 toneladas de CO2, o que supón un 94% das emisións actuais. Todo isto suporá un consumo máis respectuoso co medio ambiente e un aforro de 27.000€ anuais.