Ante os ataques recibidos recentemente á campaña reivindicativa e cultural ‘Muxía, a maxia do congro’, presentada en FITUR, o Goberno local e os xerentes do secadoiro de congro afectado lamentan o que definen como “ataque infundado e inxusto” para desprestixiar esta exitosa iniciativa que xira en torno ao arte e a cultura que rodea ao congro.
Así, o Concello de Muxía desvincúlase de calquera tipo de plaxio ou copia do logotipo, inspirado unicamente no esqueleto do peixe e nas ondas do mar da vila da Barca. Ademais, o vídeo promocional proxectado contou coa cesión da empresa privada propietaria do mesmo, elaboraciones artesanales LEMAR.
Afirman que esta campaña, que puxo en valor nun escaparate internacional un produto que é un dos sinais de identidade da vila muxiá, ten o único obxectivo de enxalzar e situar no mapa o arte e a cultura que rodea a congro.
“Muxía, a maxia do congro” é unha campaña promovida polo Concello que consiste no acordo cos dous únicos secadoiros de congro que existen no mundo, e coa que se pretende seguir difundindo a historia e tradición de Muxía a través do secado de congro.
Apoio da empresa e agradecemento pola difusión do sector
A empresa privada propietaria do vídeo proxectado na Feria Internacional de Turismo de Madrid e do logotipo supostamente plaxiado, elaboraciones artesanales LEMAR, confirmou a cesión do audiovisual e agradecen “a posta en marcha desta gran campaña tan beneficiosa para o noso sector e valoramos moi positivamente que se expoña esta proposta a nivel internacional”.
Carla Castro e Javier Lema, xerentes de LEMA, mostráronse sorprendidos por este ataque “inxustificado” xa que “esta campaña só trae cousas positivas e lonxe de ser unha copia é un impulso para o noso sector e oficio. Ogallá houbese máis gobernos que apoiasen tan directamente os nosos negocios”.
Desde o goberno local confirman que “tamén se comunicou previamente a proposta que íamos levar a FITUR a Miguel Diz, xerente do outro secadoiro de congro da vila”.
O alcalde de Muxía, Iago Toba, expuxo que “facer política é algo máis que atacar sen fundamentos e desde o anonimato unha iniciativa que tan só pretende poñer en valor un oficio e un produto con tanta historia e tradición na nosa vila”. Ademais, engadiu que “a día de hoxe ninguén sabe quen está detrás de ‘Muxía enfurecida’ e creemos que este ataque infundado e inxusto ven ante a falta de candidatos firmes na oposición, que unha vez máis actúan desta forma para desacreditar ao goberno local”.
“Consideramos que se poden facer grandes promocións, empregando boas ideas e optimizando recursos, por tanto esta campaña é dobremente frutífera, porque causou gran repercusión e xerou cero gastos para as arcas municipais”, destacan desde o goberno local.
Promoción e posta en valor do oficio e do produto
A través da iniciativa ‘Muxía, a maxia do congro”, o Concello de Muxía promocionará o oficio con demostracións periódicas gratuítas para as persoas visitantes e para a veciñanza facendo que os propios secadoiros se convertan nun centro de difusión do secado deste peixe e da historia.