Lañas acollerá a II Esfolla Popular o 5 de novembro

1 minutes read

Logo do éxito acadado na súa primeira edición, a II Esfolla Popular volverá celebrarse neste 2022, tras varios anos de parón. Será o vindeiro 5 de Novembro, en horario de mañá e tarde, ampliando deste xeito o número de actividades lúdicas e culturais, así como de divulgación das tradicións populares que rodean todo o relacionado coa esfolla do millo.

Pola mañá, na leira que se atopa a carón da parada de autobuses, xunto á estrada AC-552, realizarase a primeira das actividades relacionadas con esta tradición: o cortado do millo. Se ben na edición anterior se realizara este paso con anterioridade á celebración da esfolla, nesta ocasión decidiuse incorporala á programación para representar, dun xeito máis completo, todo o proceso relativo á recolleita e posterior esfollada do millo.

Xa contra o mediodía, na Carpa instalada no Campo da Festa (coa colaboración do Concello de Arteixo), a organización repartirá “sardiñas saladas“, cocidas con cachelos, e churrasco para os participantes.

Durante a tarde, os asistentes poderán realizar a tradicional Peteleira debaixo da Carpa instalada. Ademais, tamén haberá unha exposición de xoguetes feitos de millo e numerosas actividades recreativas e culturais, como xogos, mostras e charlas, e con moita música da man da Agrupación Triskell.