A parroquia de Lañas, en Arteixo, prepárase para a celebración da súa popular Festa do Roscón, que chegará á súa décimo oitava edición en menos de dúas semanas. Dende a Asociación Fontesvellas, organizadora do evento coa colaboración do Concello de Arteixo, esperan que o éxito de anos anteriores se repita de novo. A festa comezará xa o sábado 22 de abril, coa Primeira Festa da Xuventude, con Impacto, o DJ David Bermúdez, Xilo e Carlos, dende as 22:30h. Será o domingo 23 cando lle tocará a quenda ó roscón. Dende as 10 da mañá haberá degustación gratuíta dos produtos expostos, con queixo e marmelo. Xa ás 13:15h terá lugar a Misa Solemne na Honra a Santo Amaro dos Novos, para logo desfrutar, dende as 14h, dunha Sesión Vermú co dúo Crazy. Será ás 15h cando comezará o Xantar Popular, para o que hai que reservar entrada no 618 88 49 08 ou no Bar O’Cruce de Lañas. Para rematar, unha verbena de tarde co dúo Crazy animará ós asistentes. O Roscón de Lañas é un dos doces máis típicos da provincia da Coruña, que mesmo apareceu na prestixiosa revista National Geographic. Cada fin de semana, persoas chegadas dende diversos puntos da xeografía galega peregrinan para facerse cun exemplar. Dende a Asociación Fontesvellas animan a todas as persoas a asistir e degustalo. O campo estará cuberto cunha gran carpa (unha das máis grandes instaladas ata o momento na parroquia), para que o tempo non sexa unha excusa nin para a Festa da Xuventude nin para a Festa do Roscón.