Lara Hierro, premio ao Mellor Espectáculo no IV Certame de Micro-escenas Metro Cadrado

Lara Hierro © FIOT en pausa

  • Os asistentes recoñeceron tamén a actriz Iria Pinheiro como Mellor Intérprete desta edición do M2 polo seu papel no espectáculo Croquetas

O público asistente á cuarta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a programación de creación escénica de novos formatos e de artistas emerxentes do FIOT, escolleu a performance Lara Hierro: Monólogo para o corpo en movemento como Mellor Espectáculo deste ano. A proposta, da compañía Constance Hurlé, tivo a súa estrea absoluta o pasado 17 de outubro na Ludoteca Municipal de Carballo, durante a celebración do FIOT en pausa.

O espectáculo gañador, no que se aborda a crise social e económica do momento e como esta afecta tamén ao sector cultural, desenvolveuse nas ventás e exteriores da Ludoteca Municipal. Trátase da primeira ocasión que este espazo, no que se situaba o edificio das Antigas Escolas do Xardín, acolle algunha das propostas do Metro Cadrado, nun ano no que o certame fixo uso de novas localizacións en puntos singulares da cidade, como é o caso do Salón de Plenos da Casa do Concello, no que Helena Salgueiro representou Ferro, Federici (Unha introdución).

Por outra banda, as e os asistentes ao M2 tamén outorgaron, como é tradición, un segundo premio coas súas valoracións. O público recoñeceu á actriz Iria Pinheiro co galardón á Mellor Intepretación desta edición polo seu papel na peza Croquetas, representado o sábado 10 no Casino 1889.

IV CERTAME DE MICRO-ESCENAS METRO CADRADO

O Certame de Micro-Escenas parte dunha premisa: a posibilidade de crear espectáculos ou experiencias teatrais singulares, de entre 10 e 20 minutos, para presentalos en espazos non habituais para a representación escénica diante dun número moi limitado de asistentes.

Neste 2020, o FIOT recibiu un total de 48 propostas, das que seis participaron na cuarta edición do certame. As propostas gañadoras, tanto no caso do espectáculo coma da interpretación, son seleccionadas polo público mediante votación e reciben 150 euros de premio.