Laracha | Aprobado o proxecto de expropiación dos terreos onde se atopa o Menhir de Erboedo

O alcalde da Laracha e a concelleira de Cultura xunto ao Menhir de Erboedo

  • O Concello investirá 8.000 euros na adquisición de 4.621 metros cadrados para preservar o valor histórico deste elemento

A Xunta de Goberno Local da Laracha elevou á definitiva a aprobación do proxecto de expropiación dos terreos nos que se sitúa o menhir de Erboedo tras superar o período de información pública. O Concello investirá 8.000 euros na adquisición dunha superficie de 4.651 metros cadrados co propósito de preservar o valor histórico do que é un dos elementos máis importantes do patrimonio arqueolóxico municipal.

O menhir de Erboedo está datado na Idade de Bronce. Trátase dunha pedra de granito groso, con vetas de cuarzo e feldespato, que alcanza os dous metros de altura.

Cabe lembrar que o goberno local impulsara o Plan Especial de Patrimonio Cultural -que supuxera unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)- co obxectivo de ofrecerlle a máxima protección a este menhir e a outros seis elementos do catálogo de patrimonio municipal –Castro de Montes Claros, Castro da Pena, Croa de Santa Baia, as Torres de Cillobre e os dous Fornos dos Mouros de Soandres-.

Programa de voluntariado xuvenil
Na Xunta de Goberno tamén se acordou presentar á Consellería de Política Social o proxecto dun novo programa de voluntariado xuvenil. Como en anos anteriores, a xuventude da Laracha poderá dar apoio aos técnicos encargados das actividades municipais sociais, culturais ou de promoción do benestar das persoas maiores.

Licencias urbanísticas
Tamén se concederon tres licencias urbanísticas, das cales unha foi a de primeira ocupación dunha vivenda unifamiliar no lugar de O Cruceiro da parroquia de Lestón.