- Na localidade recuperáronse 73 topónimos, dos cales tres se atopan na parroquia de Caión.
O Concello da Laracha completou a instalación dos indicadores de numeración definitiva nas 169 vivendas que integran os núcleos rurais da parroquia de Caión. En cada casa foi colocada unha placa na que se identifica a parroquia, o núcleo exacto e o número definitivo no padrón municipal.
A instalación destas placas é a parte final dunha iniciativa municipal dirixida a recuperar a totalidade dos topónimos, o que tamén implica unha renumeración das vivendas do rural regresando ao ordenamento antigo dos anos noventa, e o reempadroamento dos veciños nos núcleos afectados.
Cando se remate o proxecto quedarán incorporados ao padrón municipal 73 novos topónimos para adaptarse aos 311 núcleos de poboación laracheses existentes no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). No caso de Caión, a parroquia conta agora con nove topónimos, dos cales tres (Alvite, Cima de Vila e O Pazo) foron incluídos no padrón grazas a esta iniciativa.
Unha actuación semellante xa se levara nas parroquias de Coiro e Montemaior. A seguinte será Vilaño, cuxo proxecto xa está redactado.