- Participarían 100 persoas en situación de desemprego, para ser formadas
Baixo o título A Laracha activando o emprego, o Concello pretende poñer en marcha este programa que tería un orzamento de 250.000 euros e unha duración total de doce meses. Durante ese período, cen persoas en situación de desemprego serían informadas, orientadas e asesoradas en materia de busca de emprego con entrevistas individualizadas e, a continuación, recibirían formación transversal en diversas materias (tecnoloxía, idiomas, coaching, mobilidade xeográfica, etc.) e específica en tres especialidades diferenciadas, que serían a atención sociosanitaria a persoas en institucións, actividades auxiliares de almacén e administración e servizos. Por último, realizaríanse prácticas profesionais non laborais en empresas.
Laracha presenta a nova campaña de verán de doazón de sangue
Segundo os datos achegados pola Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), o Concello da Laracha sitúase á cabeza dos municipios de Bergantiños con maior taxa de doazón ao alcanzar no ano pasado as corenta e oito por cada mil habitantes, situándose nove puntos por riba da media galega e atopándose dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde. A cifra total de doazóns realizadas na Laracha en 2018 foi de 539.
O alcalde, José Manuel López Varela, agradeceu “a implicación dos laracheses”, e a directora da ADOS, Marisa López, lembrou que “o verán é a época de maior dificultade pola cantidade de urxencias que se deben atender” e pediu aos doantes “que aproveiten para facelo antes de marcharse de vacacións”. Ademais, referiuse ao grupo 0+ como “o que ten as reservas un pouco máis baixas, pero temos necesidades en todos os tipos”.